domingo, 24 de febrero de 2013

Greatest Hits: Entrevista con Víctor Aparicio/Coyote

La siguiente entrevista, en lengua gallega, fue publicada originalmente en Madrid Mon Amour, un blog del portal Praza Pública en el que pienso seguir colaborando. Me cayó muy bien Víctor Aparicio, hombre polifacético donde los haya, con el que creo que comparto una similar actitud ante la vida. Espero que les guste.


"Estou totalmente en contra da imaxe do galego chorón"


Víctor Aparicio Abundancia, máis coñecido como Víctor Coyote, era un artista galego residente en Madrid máis ou menos descoñecido até que, en pleno fervor da movida madrileña dos 80, destacou ao frente do seu grupo Los Coyotes por facer música latina cando o que se levaba era o rollo anglosaxón. Nesta entrevista fálanos da súa experiencia en Madrid e tamén das súas facetas como músico, artista gráfico, videocreador, pintor e danos interesantes opinións sobre o seu concepto da saudade e da galeguidade.

Neste blog falamos da experiencia de galegos que viven en Madrid, así que primeiro gustaríame facerche unas preguntas sobre a túa experiencia vital na capital. Cando viñeches vivir a Madrid? Por qué?

No 75, para facer Belas Artes.

Concerto-obra de teatro no Teatro del Barrio / Foto: De la Vega

Que che pareceu a cidade a primeira vez que estiveches nela?

Pareceume moi ben, porque Madrid era unha gran cidade, eu viña de alí de Tui e todo isto era un pouco excitante, un cambio de aires, outra cousa, máis cosmopolita, estaba ben.

Algunha vez sintes saudades do teu Tui natal? Vas moito por aí?

Eu penso que iso da saudade xa non ten razón de ser. Non sempre se dá feito, pero cada un trata de estar, máis ou menos, onde quere estar ou onde pode facer dun xeito mellor o traballo que fai. Eu estou totalmente en contra desa imaxe do galego chorón, que está sempre a chorar polos montes, polos campos e polas peneiras. Non ten sentido cando se trata de distancias reducidas, aínda que hoxe séguese a tardar 7-8 horas en ir a Tui. É diferente estar en Madrid que estar emigrado en América ou noutro lado. Eu síntome moi a gusto na Galiza, vou moito por aí e opino que a saudade é un termino un pouco desfasado. Por outro lado, se eu tivese saudade da miña terra por demais, iríame alá.

Tes estado tempadas longas na Galiza ou só vas por traballos concretos ou de vacacións?

Teño estado tempadas, agora mesmo teño a moza en Tui. Andamos ela alí e eu aquí. Por outro lado, nunca perdín o contacto, traballo con algún músico de Tui e tamén de Vigo, teño feito documentais para a televisión galega, teño un contacto máis ou menos permanente coa terra.

Teste sentido algunha vez como Paco Martínez Soria ou, mellor, como Xan das Bolas, na gran urbe?

Téñome sentido como eles aquí, en Benavente, en Tui e en Valença do Minho, moitas veces.

Qué é o que máis che gusta de Madrid?

Unha cousa que non se entende moito na Galiza: que teño amigos asturianos, cataláns, madrileños, de Albacete, de Andalucía, de Panamá, de Chile… de moitos lados. As cidades o que teñen motas veces e que aglutinan xente de moitas partes. Claro, hai una imaxe de madrileño que ven de lonxe, que é a do veraneante de Sanxenxo. Eu desa xente coñezo algún exemplar, pero tampouco moitos. Os madrileños son tan burros ou tan listos como os galegos ou os cataláns, teño conecido metepatas de todas as nacionalidades.

Victor na súa etapa tudense. Xa daquela tiña predilección polas gafas de pasta

Onde che gustaría vivir se poideses escoller?

A min gustaríame vivir entre Madrid e a Galiza, pero máis libremente. É que se nos poñemos a divagar, gustaríame ter moitas cousas que non teño: gañar mais diñeiro, ter unha vida un pouco mas libre, no sentido de que se tivese tido máis éxito na música podería irme a preparar un disco a non sei onde, pero como teño que traballar día a día, vivo mais ou menos ao día, non podo formularme “o próximo ano fago un disco, éste vou máis de tranqui”. A realidade é que teño que estar aquí e cando teño traballo na Galiza, alá.

Cambiando de tema, ti es un artista mulstidisciplinar: cantante, guitarrista, pintor, debuxante, ilustrador, historietista, videocreador… Cal consideras o teu forte?

Eu teño máis vista que oído: son máis visual que auditivo. O que pasa é que os logros artísticos non son tanto as capacidades que teña un como a conciencia que teña un delas, quero dicir, que hai moito virtuoso escribindo, facendo pelis ou tocando a guitarra que despois non transmiten moito. Bob Dylan non tiña moi boa voz. Moitos pintores ou deseñadores gráficos non tiñan tanta vista como outra xente pero o asunto non é realmente o virtuosismo e as grandes capacidades.

Fálanos dos teus inicios no mundo da música.

Eu estaba aquí estudando Belas Artes e a min gústabame moito a música. Despois dunha época de virtuosos, a época dos grandes grupos de blues e sinfónicos, chegou o pub rock e despois o punk, pareceume bastante excitante e, sobre todo, non facía falta estudar sete anos de piano, así que me metín de cabeza, supoño que como o resto da xente que daquela se meteu no mundo do punk e a nova onda.

Ti, ao frente do grupo Los Coyotes, es probablemente o primeiro en crear iso que logo se chamou “mestizaxe” de pop español e ritmos latinos, co que logo tanto éxito tiveron grupos como Radio Futura ou Los Rodríguez. Nunha longa entrevista en “Mondo Brutto” falas diso con detalle pero só quereriamos saber se, como galego, sínteste orgulloso desa fazaña.

A ver, non se pode pór patentes a estes descubrimentos, porque en primeiro lugar antes ca min fixérao Santana, Elkin y Nelson, Los Lobos… eu síntome orgulloso de moitas cousas como galego, pero non puiden patentar o rock latino porque non se pode patentar nin iso nin as pelis de vaqueiros, sería completamente absurdo. O que si que é verdade é que antes que me sentín atraído pola historia latina, iberoamericana, antes que outra xente. Ao mellor isto xa tiña un pouco que ver co sentimento galego, pola conexión entre Galiza e Latinoamérica, con toda a emigración… Daquela Barcelona facía alarde de ter a salsa, pero en Galicia tamén había moitas orquestras de salsa, que viñan directamente da conexión venezolana, tipo Billo’s Caracas Boys, como galego síntome orgulloso desa influencia. Como daquela todo o mundo quería ser europeo de primeiro nivel, costaba entender que eu, en vez de desexar ser ingles ou francés, desexara ser latinoamericano, cousa que de feito era. Un, ao ser galego, ten algo de latinoamericano, ¿non? Daquela chocaba un pouco e, de feito, moita xente pensaba que aquela canción insoportable de “300 kilos”, que era un panfleto, era de chirigota, en plan Siniestro Total ou “Vaya, vaya, aquí no hay playa”.

Fálanos da túa relación con Alaska e da xira que fixeches con ela.

Fixen una xira con Alaska y los Pegamoides en substitución de Carlos Berlnga, porque el non quería ir de xira. Propuxéronme o asunto e aceptei ir con eles, un ano e medio máis ou menos. Eu tocaba a guitarra e cantaba, porque Carlos só quería tocar en Madrid, Bilbao, Barcelona e Valencia, pero non en sitios pequenos, un pouco levado pola sensación que había na época de que no mundo do rock and roll todo era fashion e a xente non tocaba en garitos, despois resultou que esa idea era totalmente falsa, porque os Rolling, Dr. Feelgood, Siouxse, etc. tocaran en 25.000 garitos, pero nós, como eramos tan paletos… A xente pensaba que cando Franco morrese a nosa vida ía ser como a de Paris Hilton. Moita xente equivocouse niso.

Con Pablo Novoa, en la presentacion de "De pueblo y de río" / Foto: De la Vega

Os teus últimos discos teñen saído en distintas discográficas (Munster, Eureka) e moi espaciados, dá a sensación de que hoxe hai que currarse moito que che editen, non?

Hoxe é facil a edición de discos debido ao abaratamento dos costes de gravación. Pero un artista ou grupo é facil que teña que pagar unha parte dos costes. Polo tanto o sistema mais empregado é o da co-producción artista-discográfica. É o meu caso.

Pasando xa á túa obra como artista plástico e audiovisual, cal destas dúas facetas che gusta máis?

Para min son o mesmo.

Fálanos do videoclip que fixeches para Los Rodríguez.

Estaban buscando quen lles fixese ese videoclip e querían unha historia que non tivese nin mariñeiro nin capitán nin loira, e o meu guión era  a historia da canción ao pé da letra, que era exactamente o que eles non querían, pero a estética non era tan convencional. Era algo entre O gabinete do doutor Caligari e os debuxos de La Codorniz, e iso convenceunos.

Eu son particularmente fan teu polos teus cómics, que, na miña opinión, é realmente no que  destacas, máis que como músico. Sen embargo, só se publicou de momento unha recopilación dos teus traballos: a magnífica “Come yuca” (1998). Para cando máis? Prométenos que te vas dedicar máis a esta faceta túa.

Igual se podería facer unha recopilación. O que pasa é que para min o cómic dá moito traballo e a recompensa económica que ten é practicamente +-0. Ademáis, agora mesmo se alguén che propón facer un cómic, trataríase dunha novela gráfica, dunhas 700 páxinas… Hai que dedicarlle toda unha vida, así que eu téñoo un pouco abandonado. Agora vou facer unha cousa de poucas páxinas, pero é moi difícil porque non teño moito tempo e eu non podo vivir do ar.

Fálanos da túa faceta como pintor.

Ultimamente estou semi-retirado, porque non teño moito tempo. As cousas non están moi ben, hai que traballar o triple para gañar a metade. Iso non é algo exclusivo meu; pásalle a todo o mundo. Non teño moito tempo, vou facendo cousas. Do que vivo dende hai tempo é do deseño gráfico. Tamén a música me dá un pouco de diñeiro e vou tirando entre unhas cousas e outras.

No hay comentarios:

Publicar un comentario